Na historia desta institución hai dous hitos a suliñar: o primeiro, o ano 1922, cando se funda a asociación “Residentes del Partido Judicial de Órdenes”; o segundo o 15 de xullo de 1939, cando se unen á institución orixinaria as seguintes asociacións: “Agrupación instructiva de Frades”, fundada o 10 de xuño de 1926; “Residentes del municipio de Trazo”, fundada o 10 de xullo de 1925 e “Centro del Ayuntamiento de Mesía”, fundada o 23 de outubro de 1.926.
Por tanto, desde o ano 1939 esta institución reúne no seu seo aos fillos dos concellos de Ordes, Frades, Mesía, Oroso, Cerceda, Trazo, Val do Dubra e Tordoia, é dicir, a todos os fillos do partido xudicial de Ordes nacidos en Galicia e que chegaron a terras arxentinas para iniciar unha nova vida.
Desde a súa fundación a institución desempeñou as súas tarefas no edificio da Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires. Alí desenvolveu a maior parte das súas actividades. No ano 1975, a Institución efectuou a adquisición dun balneario público que funcionaba no partido de Lomas de Zamora, nas aforas da cidade de Bos Aires. A partir dese momento, e coas sucesivas compras de terreos lindantes chegouse ao que é hoxe o patrimonio básico da institución.
No ano 2001, ocupan un predio cunha superficie duns 4.000 metros que pertencía a unha fábrica de papel. As súas instalacións contan cun salón con capacidade para 300 persoas, mesas ao aire libre para outras tantas, pileta de adultos e outra para cativos, vestiarios, buffet, canchas de céspede de papi futbol e voley, solarium, quincho de parrilas, parrilas individuais, biblioteca e sala de reunións e lectura, escenario e pista de baile.
Foille recoñecida a galeguidade no ano 93 mediante Decreto da Xunta de Galicia 207/93, do 3 de setembro, publicado no DOG nº 176, do 13/09/93, e figura no Rexistro de comunidades galegas asentadas fóra de Galicia baixo o núm. 142/AM/93.
Na actualidade a entidade conta cun total de 450 socios, dos que 198 son nacidos en Galicia ou de doble nacionalidade.